Monday 06 de May de 2024

A Xunta lanza a primeira Guía galega de boas prácticas nos carteis publicitarios para integrar estes elementos nas paisaxes urbanas e rurais


— Cunha tirada inicial de 500 exemplares e dispoñible tamén en formato dixital, fixa criterios comúns a aplicar na introdución de letreiros anunciadores no territorio para evitar impactos negativos nos seus valores e na imaxe dos propios establecementos

— O gran tamaño dos rótulos, paneis e carteis publicitarios, o uso de cores estridentes e pouco acordes coa contorna e unha disposición inadecuada ou recargada no espazo son algúns dos erros comúns detectados polo Instituto de Estudos do Territorio

— Ángeles Vázquez agradece a implicación “desde o primeiro momento” da escola de deseño coruñesa, que contribuíu á redacción da guía coa análise de casos prácticos

A Xunta lanza a primeira Guía de boas prácticas nos carteis publicitarios de Galicia, un manual de carácter técnico dispoñible en formato papel e tamén dixital no que se recompilan unha serie de recomendacións e criterios homoxéneos co obxectivo de contribuír a integrar este tipo de elementos nas paisaxes urbanas e rurais onde se localizan, de maneira harmónica e co menor impacto posible.
Cun enfoque eminentemente práctico e divulgativo, o documento foi presentado esta mañá na Escola de arte e superior de deseño Pablo Picasso (EASD) da Coruña pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun acto no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador.
Con esta son xa 13 as guías que elabora e publica o IET desde o ano 2012 no marco da Colección Paisaxe Galega, que engloba un conxunto de publicacións que teñen como fío condutor o obxectivo de axudar a divulgar os valores paisaxísticos da Comunidade entre administracións públicas, colectivos profesionais e cidadanía en xeral.
Neste caso concreto, a conselleira explicou que grazas ao novo manual —cunha tirada inicial de 500 exemplares e que desde hoxe xa está dispoñible para descarga na web do IET— se fixan directrices e solucións axeitadas á hora de introducir letreiros anunciadores, paneis ou rótulos en edificios e noutros puntos do territorio para evitar que teñan un impacto negativo sobre a paisaxe e mesmo na imaxe das empresas ou establecementos anunciados xa que, pola súa propia función, este tipo de elementos buscan destacar e impoñerse sobre os valores e elementos que os rodean.
O obxectivo, tal e como incidiu, é ofrecer unha guía técnica para orientar a promotores, propietarios e administracións sobre a instalación deste tipo de elementos publicitarios en equilibrio coa contorna, deseñando carteis respectuosos coa paisaxe, buscando unha coherencia nos materiais, formas e cores empregados.
Tras agradecer á dirección e ao alumnado da escola Pablo Picasso a súa implicación “desde o principio” nesta guía, á que contribuíron con traballo de campo e analizando o impacto dos carteis na paisaxe urbana coruñesa, Ángeles Vázquez salientou que a publicación presentada hoxe se enmarca na aposta da Xunta polo fermosismo, que busca promover prácticas e actuacións que contribúan a integrar os elementos e construcións ligados á actividade humana coa contorna e os diferentes tipos de paisaxe existentes.
Tipos de paisaxes e conclusións
A Guía de boas prácticas nos carteis publicitarios identifica cinco tipos de paisaxes cunhas peculiaridades propias que requiren dunha serie de directrices específicas respecto da colocación e características que deben ter estes elementos en cada zona: núcleos históricos, ensanches, periferias urbanas, polígonos industriais e medio rural.
Os problemas máis habituais detectados teñen que ver co gran tamaño dos rótulos, paneis ou letreiros instalados, o recurso para chamar a atención a cores estridentes e pouco acordes coa contorna, ou a súa disposición sobre fachadas e outros espazos, cunha acumulación excesiva de carteis que transmite unha sensación de sobrecarga.
En todo caso, os centros históricos son as zonas coas mellores condicións no que respecta á publicidade no exterior debido a que os plans especiais de protección cos que contan a maioría prevén apartados específicos sobre carteis e rótulos; mentres que na periferia urbana e nos polígonos industriais, este tipo de elementos, polas súas grandes dimensións, a localización en zonas altas e con grande visibilidade e a tendencia a acumular carteis en espazos reducidos, teñen un impacto considerable.

Ademais, no caso dos desenvolvementos urbanos recentes (os chamados ensanches) os elementos máis habituais son os rótulos, as bandeirolas e os toldos e as principais interferencias prodúcense pola súa colocación nas fachada e o uso de materiais plásticos e brillantes; mentres que no medio rural a presenza deste tipo de elementos publicitarios é moito máis reducida que no resto pero a vulnerabilidade da súa paisaxe fai que o impacto que se produce poida ser moito maior que noutro tipo de ámbitos.